Suite da camiñante II

Amémonos no azar,

Escuros labirintos os da sorte;

Tracemos polo mar,

Camiños cara ao norte,

As gratas singraduras para a morte.

Deámonos o abrazo

Infindo das que saben que morrer

É forma doutro lazo

Que atinxe o propio ser,

O bucle do regreso e do volver.

E así de mans unidas

Deitadas sobre herba a contemplar

A luz das avenidas

Vexamos sobre o mar

O mar do firmamento a rebosar.

Que todo está fundido,

No círculo do cosmos a soidade,

O sangue no latido,

A xente na cidade,

O espazo a camiñar na liberdade.

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

40703791514_c1ba3d3da8_o

Suite da pastora III

Oh lirio do delirio,

Afástanos do escuro e da negrura.

Oh lirio do martirio,

A chaga que supura

Na mácula feroz da fermosura.

 

Oh grandes carballeiras

Na hora desta lúa que declina.

Detede nas fronteiras

A cega diamantina,

Errante polas praias, libertina.

 

Que pouco sabe Amor

Dun tempo derrubado de beleza,

A ver no mar maior

A néboa da agudeza,

Fuscallo derrubado de tristeza,

 

Detén, escura noite,

Aquela que se afasta no seu grito.

Dos ventos non escoite

As lavas do conflito,

As bágoas que en silencio precipito.

 

E déixanos, mencer,

Bandeiras a pairar pola ruína.

Que sexa este pracer

Que morde e que fascina

A luz que se esparexa na retina.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

41586213231_f4a5c6b4c3_o

Suite da pastora II

E déixame contigo,

Deitada nesta sesta sen final,

Calar do que maldigo

Na hora cenital,

Á espera de que á noite cale mal.

 

Que son estes momentos

Formados polas sombras dos ocasos

O tempo dos adventos,

Ruína dos fracasos,

Espectros que preceden os meus pasos.

 

Que son estes amores

Sentidos na epiderme do teu peito

Espello dos ardores

Do afán e do proveito,

Amores de dereito e de barbeito.

 

Que son na sombra túa

Espectro que amañece á miña beira

Espellos para a lúa,

Estrelas da fronteira,

Relampo adormecido da canseira.

 

E lévame contigo,

Caída pola torre do pescozo,

Amparo e mais abrigo

Do soño e do alborozo,

Dos dedos con que toco e con que rozo.

 

Que sexan estas herbas

Medrando polas gándaras vacías

E pasto para as cervas

Tamén as melodías

Dos ollos percorrendo estas umbrías.

 

Oh déixame abrazar,

Columna misteriosa do intestino,

No límite do mar

O corpo peregrino,

O corpo camiñando no divino.

 

Non deixes pra despois

Da noite solitaria e indolente

Virar nos xirasois

O corpo de serpente,

De saurio a escorregar pola corrente.

 

Que eu amo ese fluír,

A longa e delicada transparencia,

Dos brazos a fuxir

Das sombras e da ausencia,

Bandeiras para erguer na resistencia.

 

Que eu bailo nesa danza

De luz da cabeleira que se inclina

E asoma na lembranza

Das horas, na ruína

Das máquinas e arames da turbina.

 

Percorre no salón

O voo do teu ballet polos espellos

E deixa o acordeón

Arfar nos seus trebellos,

O modo de chorar dos aparellos.

 

E sé como esta hora

Tan libre como libre a madrugada;

Non temas a demora

Da noite ilimitada,

Da noite a madrugar pola alborada.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

41586211481_c2797b9e7d_o

 

Suite da camiñante

Levadas da inocencia,

Deixémonos, por tanto, transportar.

Que brote da conciencia

A éxtase de andar,

Erráticas nun mundo a iluminar.

 

Que sexa o noso paso,

Sostido polos ollos que nos miren,

Espello do fracaso

Das bocas que suspiren,

Das bocas que mirándonos deliren.

 

Exalta, oh namorada,

Ti, vértice do campo sobre o outono,

A noite abandonada

Que sabe do abandono,

Que soubo liberarse do seu dono.

 

Escoita en que maneira

A música que prende no mutismo

Silente e silandeira

Condúcenos ao abismo,

Espello do seu propio magnetismo.

 

E fálame, pastora,

Que sexa o teu torrente de palabras,

Nas luces desta aurora,

A chave con que abras

As portas das murallas máis macabras.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

40875668514_073f6dfa76_o

Suite da pastora

Que vin como brillaba

Na liña iluminada do horizonte,

Na noite que baixaba,

A sombra dunha ponte,

No sangue que vertía pola fronte.

 

Oh cólico da voz,

Oh santos hematomas da palabra,

Oh cántico feroz,

Oh música macabra

Dos barcos afundidos pola abra.

 

Amor cando se achega

Amaña nas correntes remuíños

E pon na lúa grega

Espectros de pombiños

Que brillan sobre as pedras dos camiños.

 

Amor cando se afasta

Espalla o neboeiro sobre os ríos

E deixa unha nefasta

Ringleira de navíos

E fúnebres sinais nos atavíos.

 

Igual que lle acontece

A Amor cando decrépito dormita

E mesmo lle parece

Que os círculos transita

E as neves e os chuvascos precipita.

 

Que pouco sabe Amor

Dos males e negocios que orixina

Supondo que o mellor

Do mundo o determina

E ignora todo aquilo que arruína.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

28416134028_5c36652867_o

 

Algunhas respostas

O mundo está deitado

Sen cólicos nin dor a súa presenza

E asiste ensimesmado

Á túrbida pertenza

De sombras que difunden diferenza.

 

Hai horas que esta nena

De flores e cabelos abraiados

Afasta a miña pena

Dos soños usurpados,

Separa dos meus días tristes fados.

 

E é por estes anos

De intensa claridade e de fortuna

Que sabe dos enganos

Da fama e da tribuna,

Falaz como a mentira e importuna.

 

E é tamén aí,

No ciclo dunha heroica mocidade,

Que sabe do alibí

Da grata austeridade,

Da cura do silencio e a soidade.

 

Son moitas as preguntas

E moitos os achados das súas flores

E moitas as defuntas

Palabras sen honores

Que foron para a artesa dos horrores.

 

Mais brillan sobre todas,

Dispostas como enseña dos seus días,

Preguntas de rapsodas,

Alegres melodías,

Cancións como remotas herexías.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

40522738675_c383f6de59_o

Interrogantes da pastora

Por quen estes ardores,

Por quen o doloroso acendemento

Que brilla nos amores,

Fatiga o pensamento

E verte sobre as almas o tormento

 

Dun día que pasou,

Dun tempo derrubado de beleza,

Dos meses en que andou

Furando a natureza

Dos lumes en tamaña sutileza.

 

Quen brinca polo outono

E erguido polos coiros do tambor

Percibe no abandono

O fríxido tremor

Da porta de saída do solpor.

 

Quen chama pola morte

Do alto dunha torre derrubada

E quen sen moita sorte

Encontra abandonada

A senda que se inclina apresurada.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

27546889088_b78ce017a7_o

Introibo ad altarem dei

Gocémonos, pastora.

Que o tempo que nos deu a eternidade

Culmine nesta hora

De amor e de soidade

Na lámpada que acende a humanidade.

 

Que sexan estes prados

De luces e presenzas vespertinas

Un eco dos noivados

Das noivas peregrinas,

Das noivas namoradas femininas.

 

Que erixan estas flores

Regadas pola sombra da beleza

O brillo dos amores

Da nobre natureza,

Do tempo que nos enche de certeza.

 

E nós como nosoutras

Ao cabo percorramos o camiño.

Vistamos roupas outras

De sirgo e mais de liño,

Brancuras enlamadas polo viño.

 

Oh dama que me aturas,

Oh risco das palabras que me vencen,

Feridas que suturas

E chagas que pertencen,

No roce dos cabelos que se aquencen.

 

Oh noiva namorada,

Oh flor de antigos, murchos ecos,

Xanela acristalada

No cuarto dos bonecos,

Bohemia como o canto dos metecos.

 

Amor que te apresuras

Nas horas inclinadas pola tarde

Á sombra das figuras

De costas ao que arde,

Amor do tempo lento e do covarde.

 

Con raios te acariño

Dun sol de primavera preguiceiro

Nas gándaras do Miño

Que afasta o neboeiro

E perdes as brancuras de xaneiro.

 

No limite da boca

Sinalo a ponte escura da fronteira

E sinto que che toca

Na alma unha cerdeira,

O lóstrego de luz da laranxeira.

 

Condúceme, canción,

No rumbo destas sombras derretidas

Camiño doutro son.

Regresos e partidas

Na cura para as chagas e as feridas.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

27546890278_3619844ce9_o

Panorama da pastora

Son curtas estas noites

Que apousan sobre a abóveda do mundo.

Son curtas pra que escoites

Virar por un segundo

As rodas que dan voltas no profundo.

 

E longas as xornadas

Detidas como estatuas na fronteira

Das tardes clausuradas,

Dos fumes da fogueira

Aromas de limón e laranxeira.

 

E rápidos os ríos.

Os cursos dos torrentes que devalan

Son rápidos e fríos,

Sinal de que regalan

Cristais que no diamante se propalan.

 

E lentas son as horas.

E lentos son os corpos abafados.

E os corpos das pastoras

Felices nos seus prados,

Nos ritos destes meses culminados.

 

O mel desta mestura

Que os labres xa quixeran gorentar

Labrado na moldura

Do outono xunto ao mar,

Azucre do deserto a supurar.

 

O viño desta cea,

O caldo que labraron nas ribeiras

Na luz da lúa chea,

Nas vides, nas madeiras,

Labores das vendimas derradeiras.

 

A froita que culmina

A carta señorial deste convite

A carne determina

Que acenda ou dinamite

As fames que do corpo nos transmite.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

26544800377_15e5525c18_o

Propósitos

Non veño a que me cedas

Un pouco do teu cántico esquecido

Nin soño que concedas

Nos himnos para o olvido

Palabras que me afaguen sen sentido.

 

Que canto por piedade

E deito algo de sal na miña boca.

Son rea da soidade,

Aquela que convoca

Intensa como a música barroca.

 

Non sexan as palabras,

Os verbos que pronuncia a miña fala,

As portas con que abras

A caixa que regala

As luces que o cristal nos acristala.

 

Conduza a miña lira

No ritmo dos seus versos culminados

A furia e mais a ira

Dos días acabados

Nos nomes da falacia e usurpados.

 

Que diga o meu discurso

No cénit clamoroso dos meus anos

Das curvas do percurso,

Das chagas e dos danos.

Que fiquen as súas queixas nos pianos.

 

Condúceme, canción,

No rumbo destas sombras derretidas

Camiño doutro son.

Regresos e partidas

Na cura para as chagas e as feridas.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

41416260351_06abaec4d1_o