Prólogo ás “74 saudades para ascender aos ceos” de Manuel Vilanova

Aos seus setenta e catro anos, Manuel Vilanova, nado en Ourense en 1944, escribe un libro de setenta e catro poemas. Un libro que é unha recapitulación existencial e, por tanto, un axuste de contas co vivido. Trátase de darlle un repaso ao relato do camiño, iso que, normalmente, atinxe o nome de autobiografía. Mais non esquezamos de partida que estamos perante un dos maiores poetas que teña dado este noso país no seu milenio xa sobrado de existencia e que, por tanto, esta codificación do mundo representado e achegado aos sentidos do autor non se vai producir dun xeito común senón, antes ben, modificado pola orixinalidade da súa voz peculiar. 

De entrada os setenta e catro poemas non gardan correspondencia, alén da coincidencia numérica, cos anos vividos polo autor. E non podemos pensar que o poema corenta e seis, por poñer un exemplo, teña algo que ver co ano 1990 en que o autor cumpriu os corenta e seis anos. 

Así, Manuel Vilanova, que nunha altura do poemario vaise interrogar pola dificultade de “recoller as colleitas douradas dos teus días”, escolle como cifra dos seus lustros e como emblema dos seus anos unha cidade, Ourense, e unha idade, a infancia. 

Os dous modos de tempo de que falaba Bergson, o obxectivo e o subxectivo, atinxen,  daquela, unha deriva enteiramente persoal. Non hai obxectividade posible porque é a memoria da conciencia quen viviu. E o tempo da conciencia non se rexe por cronómetros. Son outros os instrumentos para dar conta do paso dos meses e das estacións. As sucesivas residencias, as casas e as rúas da cidade, o río, son as máquinas que reflicten o paso e o peso do tempo na memoria. 

Ler texto completo