palidez da plenitude

Nun dos seus libros sublimes, titulado Fenomenoloxía da conciencia do tempo inmanente, Edmund Husserl alertaba, sen dicilo, contra o materialismo máis vulgar e groseiro.

O seu argumento é que a música, que é algo que non existe (no sentido de contar cunha materialidade tanxible) provén de algo que tamén non existe, o número, e, aínda así, os humanos non podemos prescindir dela.

Sen música, vivir, dixera Nietzsche, un erro, unha fatiga.

Mais, con todo, o momento supremo, cando o seu método da epoché pasa de sedutor a necesario, é ao falar da resonancia, da reverberación, como palidez da plenitude. Repito, o eco que se esvai como progresiva indeterminación do instante cenital, do momento de máximo fulgor acústico e sonoro, descrito como palidez da plenitude. Sinestesia de oído, vista e tacto.

Melosofía, ocórreseme dicir, a música como saber e como misterio.

E o misterio como música.