Daniel Landesa pide sitio

http://www.landesa.eu/dacasanova/#download

 

 

Di Daniel Landesa, na páxina de acollida deste poemario Da casa nova que “foi un poemario editado pola desaparecida Emerxente Editora no ano 2014. Logo de tres anos penso que o formato papel quedou esgotado. É por tanto un libro amortizado, de pouca repercusión e percorrido moi breve. Tomo agora a decisión de deitalo na rede logo de que, para min, perdese toda actualidade. Trátase dunha etapa que queda na memoria coma un deses soños vívidos ao abrente. Logro recoñecer o eu que fun entre algúns versos, mais do mesmo modo que un recoñece a súa voz nun magnetófono, algo familiar mais que causa certo desagrado”.

Non sabemos canto do anterior está enchido coa retórica dunha captatio benevolentiae, mais, en todo caso, fica moi claro, logo de iniciarmos a lectura destes poemas, que, alén do que poida ser o sentimento real do autor con respecto á súa obra, hai un aquel de hipérbole que non se corresponde para nada coa experiencia lectura de quen, coma min, se introduce por primeira vez nestas páxinas.

O estilo con que se manexa Daniel é o de quen é consciente de que conta con moi pouco espazo-tempo para seducir o lectorado, moi poucos segundos para sorprender, xa que nos novos tempos, ao non contar cun apoio mediático que produza a súa figura como unha icona de época, o público que se achegue a estes poemas, a través da web, por medio dos distintos recitais e espectáculos poéticos en que o seu autor ten participado, vai ser rápido e inflexible na súa sentencia. E vai dispor o seu polegar, para arriba ou para abaixo, coa inminencia de quen proba un novo viño ou paladea un prato.

Non hai vagar para o pracer así que o prima é o goce, o impacto físico, corporal, algo que desestabilice o lector e o obrigue a conceder a súa atención. E isto non só no inicio dos poemas, no inicio do poemario, senón en todo momento, unha vez tras outra. Así que esta é unha estética da sorpresa, do inesperado.

Dicía o sabio Heráclito, nunha das mais célebres citas da historia, que só quen espera encontrará o inesperado. Por iso, para acceder ao inesperado hai que saber moi ben cal é o horizonte de expectativas. E rompelo.

Desde o deseño gráfico magnífico, coa inclusión de fotografías que encabezan cada un dos textos, aos títulos escollidos (Viño doce, Vaixela, Radiografía dun sofá con chaiselongue, Neve na distancia, Praia eléctrica & peixes mortos, Adicción, Condición ideal da auga turbia …) todo conduce a unha sorte de novo expresionismo no que un lirismo radical parte da ironía, da crítica social, do ruído semiótico da sociedade multilingüe e global, para producir un heroe íntimo, en conflito coa sociedade e co mundo, “eu / incapaz de morrer por causa algunha, eu / incapaz de morrer sen loita, eu unha metade de nada”, que, non por iso, se resiste a espallar o seu grito perante un mundo que sente como pos-humano e adverso. Unha loita na que asoma a nostalxia, o amor, a morte. “Que só o exilio pode redimirnos da infección do noso espírito”.