Lois Pereiro, poeta dos oitenta

Na foto que acompaña a edición do primeiro volume conxunto De amor e desamor, de 1984, Lois Pereiro comparece perante a historia como poeta dos oitenta. Acompáñano na imaxe, de esquerda a dereita, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé Mato Fondo, Xulio López Valcárcel, Manuel Rivas, Francisco Salinas Portugal, Lino Braxe, Xavier Seoane e Xosé Monterroso Devesa. Lois, que ten nese momento vinte seis anos, aínda sen ningún libro editado, xa que o seu primeiro volume, Poemas 1981-1991, non se publicará ata 1992, fica retratado co seu aspecto xuvenil, de mozo roqueiro, cun certo eco do punk británico que nesa época vai deixando a súa pegada por Galicia, traducindo dun xeito desigual a furia da mocidade británica dos tempos de Margaret Thatcher nun certo inconformismo iconoclasta das clases medias ilustradas, seducidas fundamentalmente pola música mais tamén por unha vontade radical de modernidade. Enténdese que o país, chegado hai pouco á democracia e á autonomía, precisa esquecer o seu desfase histórico e cultural e volver situarse nun contexto que, ata ese momento, fora abríndose a pingas, case sempre desdebuxadas, e prepárase para beber, coa sede do náufrago deshidratado. Todos os que aparecen na foto son portadores, dun xeito ou doutro, da consigna: unha fidelidade inquebrantable a Galicia, ao seu idioma e á súa cultura, un proxecto de modernización das súas dinámicas e dos seus produtos culturais.

Ler artigo completo