un cólico de mar

tumblr_m1f89r5ibI1ro107jo1_500

oh ti que errante vagas seguindo algún camiño

de outono cos teus vellos zapatos consumidos

feliz polas estradas do íntimo de Europa 

ti lúa xunto ás torres fendidas polo raio

ti fío de altas cordas que pousan un son grave

pisando as cidadelas os fortes baluartes

por riba de valados de hortensias e fracasos

 

achégame outro vaso escuro de cervexa

 

que as horas van alén das fendas da linguaxe

e na fronte alguén che puxo un signo de tristeza

un límite de lume un témpano de tempo

 

que a roda que dá voltas ao círculo sen fin 

e vai pola distancia deitando unha fariña 

nos bosques de maceiras na música feliz

erguendo bafos leves na pedra e nos tellados

do mundo segue a dar mil voltas cada pouco

a andar de porta en porta pedindo algunha esmola

a impor un lume escuro de áncoras nas augas

acaso percorrendo casas pontes

e nogueiras e carballos 

buscando unha distancia un cólico de mar